Outro modelo de convivencia é posible (II)

 

A correa non é, como parecen dar a entender as normativas que nos obrigan a acatar, a panacea, a solución a tódolos problemas. Unha correa é unha ferramenta e, como tal, debe ser usada de xeito responsable e con coñecemento de causa. Un mal uso deste instrumento de control pode traer consigo consecuencias nefastas. Non é un substituto do adestramento. O can ten que aprender a andar á correa do mesmo xeito que aprende a camiñar solto pegado á perna do seu guía. Un animal que tira esaxeradamente da correa é un animal descontrolado, con independencia de que estea amarrado ou non, e un animal que non está baixo control é un perigo.
Unha correa mal manexada tamén pode ser causa de accidentes. Un tirón repentino pode provocar unha caída, ou mesmo unha lesión grave no pulso ou na man, por non mencionar máis que dúas situacións que se producen con frecuencia. Por outra banda, é habitual ver no noso entorno persoas que pasean as súas mascotas con correas extensibles. De feito, a campaña Convivencia Guauuuu! utiliza unha destas como elemento icónico no seu intento por aleccionar aos cidadáns. Unha correa extensible usada de xeito descoidado pode provocar o caos nunha beirarrúa ou mesmo un accidente de tránsito pola liberdade de movementos que lle pode conceder a un animal fóra de control. E ademais, os cans son seres sociables, que precisan, para o seu benestar, relacionarse cos seus conxéneres. E estas relacións deben establecerse de modo adecuado, en un contexto de calma, no que os animais poidan despregar todo o seu complexo sistema de sinais. Cantas veces temos asistido a pelexas nos parques provocadas pola tensión transmitida polos donos aos seus cans a través da correa! O control é necesario para a convivencia, pero o control físico non é o único posible nin o máis axeitado en tódalas situacións.

Por outro lado, somos conscientes de que a delimitación de áreas específicas para o esparcemento canino é unha medida que goza de gran popularidade entre os cidadáns, tanto entre aqueles que aceptan as mascotas como parte do entorno como entre aqueles que as consideran unha molestia. Son habituais as queixas dos propietarios de cans sobre a severidade das normativas e sobre o paradoxo que supón que as administracións fomenten a adopción en canceiras e refuxios ao tempo que practicamente anulan as posibilidades do animal de se relacionar de xeito adecuado co mundo que o rodea. Así que resulta explicable a aceptación popular destes espazos. Pero a súa oficialización é unha medida de segregación con implicacións diversas. Se eu, como propietario responsable, quero darlle ao meu can o grao de liberdade que precisa para o seu benestar, véxome obrigado pola lei acudir a un destes lugares. E as opcións que teño limítanse a uns poucos redutos totalmente marxinais no interior dos parques públicos. Como podo cumprir coas miñas obrigas para coa miña mascota con estas limitacións? O meu can nunca estará convenientemente socializado se non experimenta o mundo en toda a súa complexa variabilidade e esa experimentación debe facerse, cando sexa preciso, de maneira óptima, sen intermediación de elementos de tensión. É dicir, estou obrigado pola lei a coidar da miña mascota, pero esa mesma lei está, a un tempo, poñendo atrancos a que eu poida cumprir as miñas obrigas de modo eficiente. E, ademais, está a cuestión da ausencia de filtros que regulen que animais poden facer uso deses espazos comúns. Os famosos carteis de “Aquí si”, que se poden ver en varios parques de Compostela, amparan a calquera para que poida ceibar ao seu can, con independencia de que sexa un animal agresivo, deficientemente socializado, cunha mala resposta ás ordes do guía, etc. A dinámica que se pode xerar nun contexto sen regularización pode ser moi negativa.

Fernando Castro

Enlace á seguinte parte do artigo:

Outro modelo de convivencia é posible(e III)

0 Responses

  1. [...] Outro modelo de convivencia é posible(I) [...]

Deixa una resposta a Outro modelo de convivencia é posible (I) « Só lles falta falar

*