Outro modelo de convivencia é posible (e III)

 

  Na nosa opinión, a solución a tódolos conflitos que campañas como a que comentamos suscitan non pasa pola restrición senón pola educación. Educación, en primeiro lugar, dos cans e, moi especialmente, dos seus propietarios. Un can convenientemente socializado e adestrado en obediencia básica, manexado por un guía responsable e informado, que se preocupa por coñecer as súas necesidades e a súa maneira de comunicarse, é un can controlado, en calquera espazo e con independencia de que estea ou non suxeito por unha correa. O Club de Cans de Familia Só lles falta falar promove, en ocasións co patrocinio do propio Concello de Santiago, iniciativas de corte educativo, como aulas de educación canina, intervencións pedagóxicas en centros escolares e garderías ou charlas informativas impartidas por especialistas, a través das cales todo o que o desexe poderá iniciarse ou profundar no coñecemento do mundo canino, ofrecido sempre dende unha perspectiva aberta, dinámica e con vontade integradora. Pero educar supón tamén trasladar unha mensaxe ao conxunto da sociedade, mostrar a través dos feitos que os cans poden ser vistos coma veciños respectuosos que fan destacables aportacións ao ben común. Por iso, desde Só lles falta falar impulsamos actividades nas que se pon de manifesto esa faceta positiva, como o desenvolvemento de programas de terapia asistida con animais, talleres nos que se axuda á xente a perder o medo aos cans ou diversas formas de voluntariado social. Evítase aquelo do que se ten medo, e tense medo de aquelo que se descoñece. A educación é a principal ferramenta para a integración.

  A nosa alternativa é simple: aspiramos a que os nosos concidadáns (e os nosos lexisladores) se impregnen do espírito de convivencia harmónica que se pode sentir en cidades europeas cunha cultura de tenza de animais de compañía moito máis asentada que a nosa. Propoñemos unha normativa diferente, pioneira en España, que nos equipararía ás grandes capitais de Europa e do mundo, unha normativa que estableza certos privilexios para aqueles cans que teñan superado con éxito unha proba oficial na que demostren a súa sociabilidade, a súa resposta óptima en situacións comprometidas, o seu sometemento aos requerimentos do guía, etc. Falamos de privilexios tan simples como o de poder camiñar pola rúa sen correa ou acompañar ao seu propietario en edificios e transportes públicos. Trátase da sanción lexislativa dun modelo que con diversas estruturas, graos de inserción social e denominacións (Disco Verde, Good Neighbour, Good Citizen), se vén desenvolvendo de xeito exitoso en moitos países. A presenza dos cans nas cidades é unha realidade que ningún goberno municipal debería ignorar nin marxinar, e a asunción dun enfoque como o que propoñemos situaría, sen dúbida, a calquera corporación, sexa cal sexa o seu signo ideolóxico, na vangarda das políticas en materia social.

  Que defendamos un modelo de convivencia baseado na educación e non na restrición non implica que esteamos en contra do control e o establecemento de límites. Simplemente significa que avogamos por un modelo de convivencia distinto, asentado sobre a base da responsabilidade individual e da superación de prexuízos a través do coñecemento. O compromiso coa sociedade non radica no cumprimento de normas coa intención de evitar sancións, senón na asunción de modos de vida que promovan a educación, o respecto e a tolerancia concibidos coma fins en si mesmos.

1 Response

  1. anxo paz gago
    Muy bueno el articulo, entre todos tenemos que hacerlo realidad,
  2. [...] Outro modelo de convivencia é posible(II) 42.880447 -8.546303 Valorar: Compárteo: [...]

Deixa una resposta a Outro modelo de convivencia é posible (I) « Só lles falta falar

*