Dez preguntas para Ángela Fernández Martínez_etóloga de Rof Codina

1.Cando tiveches o teu primeiro can?

Creo que tiña uns 4 anos...puf!!! xa choveu!

2. Cal é a túa 1ª regra ou consello para educar a un can? e ti, ¿ Como educas ó teu can?

Ante todo ser consistente. É dicir actuar sempre da mesma forma ante as condutas do animal. É a mellor forma de evitar malos entendidos e ansiedades . Ademais traballar moito con el e reforzar as condutas que nos interesan (sempre educando en positivo, claro!).

3. Que opinas da prohibición de levar os cans ceibos?

Paréceme moi adecuada e coido que é unha moi boa forma de evitar accidentes. Aínda que os nosos cans sexan moi educados e moi boíños temos que pensar que se poden achegar a xente que lles pode ter medo e isto non é bo. Por outra parte hai cans que aínda que vaian presos poden reaccionar de forma agresiva con cans ceibos dando lugar a malas experiencias polos dous bandos. E por último, os nosos cans, por moi educados que estean, pódense asustar nun determinado momento e saltar sen querer a estrada e provocar un desastre.

4. Que che parecen programas de TV coma “El encantador de perros”?

Teñen cousas boas e outras malas. As boas é que gracias a ese tipo de programas a xente sabe que hai condutas nos cans que son problemáticas e que se poden solucionar ou mellorar. A parte mala disto é que nestes programas, a miúdo, usan técnicas de modificación de conduta que están contraindicadas ben porque son perigosas para os propietarios ou quen as realiza, ou porque son contraproducentes para o benestar do animal, a súa saúde ou porque o problema de comportamento poida empeorar tras o tratamento.

5. Cal foi o mellor que viviches co teu can?

Teño moi bos momento cos dous (porque agora mesmo teño dous cans). Creo que en realidade os mellores momentos son no día a día, cando compartimos experiencias e paseos, cando xogamos e cando nos damos mimos.

6. E o peor?

Cada vez que enferman por algo. Son una dona bastante preocupada (¡quizais demasiado!)

7. Que poden achegar os nosos cans á sociedade?

A especie en xeral moitas cousas. Os cans de traballo fan unha labor social inigualable: cans de asistencia, de rescate...

As nosas mascotas fan algo que é moi difícil conseguir hoxe en día, dan felicidade.

8. Que supón o teu can na túa vida?

Tranquilidade, relaxación, divertimento, bos momentos... e debido ao meu traballo, ensinanza. É difícil dicir todo o que aprendín gracias aos meus cans e o que me seguen mostrando día a día. Gracias a un deles collín o meu primeiro libro de etoloxía clínica, e partir de aí chegou o demais.

9. Que actividades realizas co teu can?

Paseos e excursións, agarimos, xogos de distintos tipos, adestramentos... ¡facemos moitas cousas!

10. Que podemos facer para que os cans e os humanos poidan convivir mellor?

Respectarnos os uns aos outros e ser responsables das nosas mascotas. Moitas veces cumprindo unhas normas básicas de civismo e tendo un can minimamente educado pódense evitar moitos problemas.

Unha entrevista de: Sabela Fonseca

No Comments Yet.

Leave a comment

*