1.
Xuntámonos neste acto de repulsa aos malos tratos animais porque nos sentimos partícipes da dor do noso compañeiro e amigo Roberto, pola perda totalmente inxustificada, de Alma, a súa fiel e benquerida cadela pastor. Queremos denunciar o
envelenamento e morte da cadela Alma, membro do noso club de cans de familia ‘Só lles falta falar’
Alma foi asasinada por unha persoa covarde, sen escrúpulos, que non vacilou en envelenala deliberadamente co fin de facer un dano irreparable ao seu dono. Desgraciadamente, esta acción inhumana tivo o resultado previsto, polo que os aquí presentes desexamos e esiximos que esta conduta tan despreciable e inmoral non quede sen castigo.
2.
Non hai nada que xustifique o asasinato dun animal. Nada que xustifique ou seu maltratamento. É por iso que, neste sinalado día, 25 de marzo, no que toda España se mobiliza en contra do maltratamento animal, queremos levantar as nosas voces en favor do dereito á vida e a dignidade dos nosos animais de compañía.
Sucesos tan terribles coma o que nos trouxo esta mañá ata aquí, fannos conscientes de que non falamos de feitos illados, senón que, son milleiros os casos de maltratamento animal que se dan no noso país, e que, a cotío, son obviados pola xustiza. Os galgos aforcados ou abandonados, os cans que son abandonados á súa sorte nas estradas, os que viven permanentemente atados a unha cadea, os que sofren a violencia doméstica, os condenados a vivir en soedade nun soto ou nunha nave industrial. Para ser minimamente xustos con aqueles que tanto nos ofrecen sen pedir nada a cambio, temos a obriga de facer pública esta situación e demandar que este tipo de conduta criminal sexa perseguida e sancionada coa gravidade que se merece.
Desde o Club de Cans de Familia ‘Só lles falta falar’ queremos deixar claro que este tipo de comportamentos non teñen razón de ser e que os autores deste tipo de accións deben ser castigados pola lei.
3.
A maioría destes casos danse porque os maltratadores ampáranse na impunidade, séntense seguros da indiferenza que provocan os seus actos entre os políticos e os lexisladores. De feito, o maltratamento e asasinato dun animal tan só ten unha pena de 3 meses a 1 ano de cárcere, pero se non se teñen antecedentes quedará nunha simple multa. Xa no ano 2009 presentáronse 1.300.000 sinaturas solicitando unha lei de protección animal, pero os políticos ignorárono aducindo que as competencias son autonómicas e non nacionais. As leis son distintas en cada autonomía pero todas coinciden en ser insuficientes, polo que solicitamos a adhesión ao Convenio Europeo de Protección de Animais Domésticos, para igualarnos a Europa.
4.
O asasino de Alma segue libre, quizais planeando outra atrocidade, quen sabe se noutro animal ou en alguén da nosa especie. E iso obríganos a facer un chamamento á clase política e aos lexisladores para que se endurezan as penas contra os maltratadores de animais, para que sexan perseguidos e dean conta dos seus actos. Pedimos máis contundencia ás forzas de seguridade, máis sensibilidade a xuíces e fiscais, máis formación e sensibilización cara aos nenos e máis concienciación aos adultos.
5.
‘Só lles falta falar’ naceu co ideal da tenza responsable de animais, do respecto aos demais, e de difundir que hai outra forma de entender a coexistencia de cans e persoas nas nosas cidades. Promovemos a convivencia respectuosa con eles e fomentar a súa incorporación como membros valiosos da nosa sociedade. Queremos que a sociedade saiba que un modelo de convivencia alternativo é posible, pero só é posible, se actos como o envelenamento de Alma son castigados con dureza pola lei.
Quereriamos para Alma unha vida de axuda aos demais, carreiras, agarimos, durmindo ao noso carón, dando amor... que é o que mellor saben facer os cans, esa gran lección que deberiamos aprender os humanos.
Non te esqueceremos e loitaremos para que a túa morte chegue a ter o único sentido posible: evitar a morte de outros.